| A Conselleira en funcións MªXosé Caride visita as obras da estrada OU-113 |
|
|
|
| Tuesday, 07 April 2009 16:52 | ||
|
There are no translations available.
A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, visitou hoxe as obras de acondicionamento que están a punto de rematarse na estrada OU-114 que une Caldeliñas (no concello de Verín) con Campobecerros (no concello de Castrelo de Val).
Durante a visita, María José Caride destacou que se trata da entrada a un parque natural -o do Invernadoiro-, polo que os traballos realízanse "con especial sensibilidade co entorno". De feito, destacou que esta é a primeira estrada, xunto coa que une Castro Caldelas e Monforte na Ribeira Sacra, na que se instalan un tipo de barreiras de protección mixta de madeira e aceiro co obxecto de "minimizar o impacto visual que estes elementos de seguridade viaria producen nun entorno tan privilexiado coma este". A CPTOPT ven de investir uns tres millóns de euros nunha actuación de mellora ao longo dos 21 quilómetros desta estrada. Os traballos realizados consistiron principalmente na mellora do firme, o ancheamento da calzada ata sete metros (que agora conta con dous carrís de tres metros cada un e beiravías de 0,5 metros) e a mellora e reforzo da sinalización e balizamento. Así mesmo colocáronse 1,2 quilómetros de barreira mixta de aceiro e madeira nos ámbitos da zona do mirador e nos núcleos da Ermida e Campobecerros. A incorporación deste tipo de barreiras homologadas especiais ten por obxecto integralas no contorno natural que atravesa a estrada sen menoscabar os parámetros de seguridade viaria da mesma. A día de hoxe unicamente quedan pendentes de instalar os sistemas de protección para motoristas, que se prevé colocar nas vindeiras semanas. María José Caride salientou que a mellora nesta estrada contribúe de xeito notable a incrementar a seguridade viaria tanto para os vehículos como para os motoristas que circulen por ela, así como a mellorar os tempos de percorrido. Segundo dixo, esta obra é un exemplo mais da aposta do actual Goberno galego polo reequilibrio territorial e de que todos os cidadáns dispoñan dunhas condicións de vida axeitadas independentemente do lugar onde vivan. Neste senso, a estrada a Campobecerros representa "o cambio do modelo que se viña aplicando ata hai catro anos e que se cambiou nesta última lexislatura, xa que se é importante facer grandes obras de infraestruturas, hai estradas que teñen menos tránsito de vehículos pero onde é igualmente importante establecer as mesmas condicións de seguridade viaria", concluíu a conselleira. Fonte: Política Territorial |








