Onde estamos PDF Imprimir Correo-e

Este municipio do surleste da provincia de Ourense ocupa unha zona de transición entre estribacións da Serra de Queixa e o macizo de Cabeza de Manzaneda, e o fértil val do Támega. O principal atractivo de Castrelo do Val constitúeo o Parque Natural do Invernadeiro, que ten a porta de entrada natural neste concello.

O seu relevo presenta grandes contrastes entre o val, onde se manteñen os cultivos tradicionais e o viñedo, acollido á Denominación de Orixe Monterrei, e a agreste montaña, que alberga unha considerable riqueza cinexética e forestal, ademais dun forte peso de produtos gastronómicos entre os que destacan o mel e a castaña.

A Capital municipal está a tan só 3km. de Verín, cabeceira da comarca que dista da capital Ourense 64km. por autovía (A 52 Vigo - Madrid). A liña ferroviaria Ourense-Zamora atravesa o municipio e ten unha estación en Campobecerros, denominada Castrelo do Val – Verín.

Pola súa extensión, 122,4 Km2, o termo municipal é un dos maiores da provincia, aínda que ten unha densidade de poboación moi baixa (10,2 h/km2), xa que o municipio conta só con 1.242 habitantes (INE 2007), distribuídos en 16 núcleos de poboación:

Campobecerros
Castrelo do Val
Fontefría
Gondulfes
Marbán
Monteveloso
Nocedo do Val
Pepín
Piornedo
Portocamba
Ribas
Sanguñedo
San Paio
Servoi
Veiga de Nostre
Vilar

 

----- Concello de Castrelo do Val - Rúa do Toural, 15 - 32625 - Ourense. Teléfono 988 419 002 ----- Validado XHTML e CSS.