|
A arquitectura reflicte os condicionantes climáticos e os materiais da zona que ofrecen unha perfecta integración na paisaxe. Casas de pedra con varandas de madeira e tellados de lousa forman parte da fisonomía do concello, descubrindo nas súas parroquias elementos da arquitectura relixiosa en pequenas igrexas e capelas, así como mostras significativas da arquitectura popular en cruceiros, petos de ánimas, muiños, fontes ou albarizas.
Desde o punto de vista arquitectónico debemos destacar as igrexas de Servoi, Gondulfes e Nocedo e a Capela de Vilar, sen esquecer o casco antigo de Nocedo cunha interesante fonte e varios cruceiros, dos cales o máis destacable é o de Pepín.
| Igrexa de Servoi
A orixe da parroquia vincúlase a un mosteiro benedictino fundado no S.X., doado polo Rei Alfonso VII “O Emperador” a D. Diego, bispo de Ourense, o 28 de maio do ano 1132.
A igrexa actual é do S. XVI, aínda que foi reconstruída no S. XVIII. Conta con elementos barrocos como espadaña e pináculos na fachada. O interior dunha soa nave presenta cuberta abovedada.
O retablo maior foi realizado polo mestre Amaro da Silva, costou 2030 reais de vellón e representa as imaxes de S. Vicente, Santiago Apóstol, S.Pedro, S.Pablo e S.Antonio de Pádua. Tanto o retablo maior como os altares laterais destacan polas súas esculturas de madeira moi rústicas e vistosamente coloreadas no ano 1956.
|
| Igrexa de Nocedo
Pequena igrexa dunha soa nave construida no S. XVII. A fachada realizada con sillares ben labrados presenta porta con arco de medio punto e enriba un óculo circular que permite a iluminación interior. O remate en espadaña con dúas campás acentúa a verticalidade. Nos laterais fiestras pequeñas e estreitas alternan con contrafortes exteriores. Como elemento curioso podemos destacar unha fornela en forma de cuncha coroada cunha cruz e unha inscrición. No interior destaca o altar e retablo maior de estilo manierista, realizado en 1655 polo escultor D. Manuel Martínez.
|
 |
 |
Peto das ánimas de Gondulfes
Os petos de ánimas son obras relixiosas populares construidas nos camiños para recoller esmolas e rezar oracións polas almas do purgatorio. Esta construcción de forma rectangular e realizada en pedra presenta unha cavidade no corpo central na que se representa a S. Francisco de Asís sacando cun cordón franciscano as ánimas penitentes do purgatorio.
Está rematada cunha sinxela cruz. Os devotos adoitan poñerlle veas e ofrendas fronte á imaxe.
|
| Capela de Vilar
Pequeña capela dunha soa nave con porta de arco de medio punto. No interior consérvase unha ara romana, sobre a que están os retablos.
No seu lavadoiro ten dous sarcófagos antropoides medievais. Un deles cun escudo con dous cabalos e a cruz dos xudeus. |
 |
Cruceiro de Pepín
Cruceiro realizado en 1759 por Manuel Carre e encargado por devoción de Mateo Carnero. Aséntase sobre unha plataforma con tres gradas e está composto por pedestal cadrado no que reza o ano da súa realización, un fuste esbelto e liso.
Coroa o cruceiro un amplo capitel decorado con follas de acanto e volutas sobre o que se asenta a cruz. Presenta un conxunto iconográfico integrado por Cristo crucificado flanqueado de modo equilibrado por dúas figuras de inferior tamaño. |
 |
|

|
Cruceiro de Nocedo
Sobre unha base cadrada decorada cunha caveira no fronte, aséntase o fuste liso e o capitel con follas de acanto e volutas. Está rematado ca imaxe en solitario do Cristo Crucificado nunha das súas caras e na outra a figura da Virxe.
|
 |
 |
Cruceiro da Trascarreira
Presenta unha base cadrada, fuste liso, capitel xónico moi sinxelo e coroado por unha cruz . No seu fronte sitúase a imaxe da Virxe en actitude orante. Foi realizado no ano 1704 polo mestre pedreiro Santiago Dacepa e “mandado facer” a devoción de D. Santiago Seoane.
|
|