Patrimonio Natural PDF Imprimir Correo-e

A riqueza natural ten ben arraigadas as súas raíces neste territorio, a paisaxe agreste do norte do concello, marcada polas estribacións da Serra de Queixa e o macizo de Cabeza de Manzaneda, suavízanse no sur cara o val de Verín.

O principal atractivo de Castrelo do Val está constituído polo Parque Natural do Invernadeiro, que forma parte do amplo espazo de Serra de Queixa-Montes do Invernadeiro, que neste termo acada a máxima altitude en Pena Nofre con 1.291 metros.

A rede fluvial está presidida polo río Támega (afluente do río Douro), que discorre cara o sur e baña as terras meridionais do concello, así coma o río Camba, que está represado no encoro das Portas. Completan a rede fluvial numerosos ríos, arroios e cascadas de augas cristalinas onde proliferan troitas e anguías.

A orografía, a rede hidrográfica e o clima marcan unha extraordinaria paisaxe decorada cunha vexetación mixta de carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea satiba) entre os que se intercalan o carballo meloxo (Quercus pyrenaica), o acivro (Ilex aquifolium), o teixo (Taxus baccata) e o endrino (Prunus spinosa). En altitudes superiores o bosque é substituído polo mato con especies como breixo e xesta. Esta variada vexetación constitúe o hábitat natural da fauna autóctona presidida polo lobo (Canis lupus signatus), o xabarín (Sus scrofa), o corzo (Capreolus capreolus), o teixugo (Meles meles), o gato bravo (Felis sylvestris) e a londra (Lutra lutra).

Os amantes do sendeirismo dispoñen de varías rutas ben sinalizadas como a dos Carboeiros, a do Portozón ou o Casteliño, con diversos servizos con función de albergue en Servoi e Pepín, ou aulas de natureza.



Parque do Invernadoiro


Campobecerros é a entrada natural a este espazo protexido, declarado Parque Natural de Galicia pola Xunta o 5 de xuño de 1997, pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats, e o enorme interese xeomorfolóxico e paisaxístico. Ocupa unha superficie total de 5.700 hectáreas de alta montaña, formada polas Serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial das Corzas. Aquí, as altas montañas cubertas de pastos amosan o seu máximo esplendor ata case fundirse coas ribeiras dos ríos, onde ceden o protagonismo aos bosques e aos soutos.

O río Támega e o Cabras encárganse da dispersión hidrográfica do Parque ata que as súas augas chegan ás cuncas do Douro e do Miño, en tanto que a nivel xeomorfolóxico destacan os vales encaixados que amosan a acción erosiva fluvial. Predominan as chairas illadas, con altitudes aproximadas de 1000 m. A acción do xeo durante o cuaternario deixou pegadas xeomorfolóxicas como morrenas, circos glaciares, etc.


Este parque natural, debido a súa situación interior, ten un clima oceánico con matiz continental. Os veráns son suaves, con temperaturas ao redor dos 15ºC, e os invernos bastante fríos, con mínimas que poden chegar aos -7ºC. As precipitacións son moi abundantes (2000mm/ano) e nos vales atopamos un matiz mediterráneo cun verán máis caloroso e seco. Tanto na estación de Portocamba como na de Campobecerros, rexístrase unha temperatura media anual en torno aos 9 ºC.

Este carácter mixto inflúe na vexetación ao atoparse no límite das rexións eurosiberiana e mediterránea. Por un lado, a presenza de bosques de carballo (Quercus robur) e carballo albar (Quercus petraea), especies típicas do clima continental. E por outro lado temos tamén especies máis propias do clima mediterráneo como o carballo meloxo (Quercus pyrenaica), o acivro (Ilex aquifolium), o teixo (Taxus baccata) ou o endrino (Prunus spinosa), ademáis das especies de produción forestal entre as que predomina o pino roxo (Pino radiata). No parque perviven os carballos máis antigos de Galicia, algúns deles cun tronco que supera os 6 metros de diámetro.

A fauna ten aquí o entorno idóneo para crecer e adaptarse ao medio. O lobo (Canis lupus signatus) é o depredador por excelencia e somete a un control natural de crecemento as poboacións de corzo (Capreolus capreolus) e de xabarín (Sus scrofa). Tamén son destacables as especies como o cervo (Cervus elaphus), o teixugo (Meles meles), a londra (Lutra lutra), o gato bravo (Felis sylvestris), a doniña (Mustela nivalis), a lebre (Lepus granatensis gallaecius), a perdiz (Perdix perdix) ou incluso a aguia real (Aquila chrysaetos).

 

----- Concello de Castrelo do Val - Rúa do Toural, 15 - 32625 - Ourense. Teléfono 988 419 002 ----- Validado XHTML e CSS.