Quen somos PDF Imprimir Correo-e

Castrelo do Val
Poboada desde a época castrexa, á que alude o topónimo, e durante a romanización, a parroquia de Castrelo pertenceu a Celanova durante a Idade Media. Primeiro aparece como Castrelos (1029) e logo co nome de Corral de Castrelo. No 1480 atopámola mencionada nun documento con 23 veciños e pertencente a Lopo Salgado e a súa liñaxe. No 1491 desígnase como Pousa e Lugar de Castrelo. Coa constitución do condado de Monterrei son continuos os pleitos e protestas dos veciños de corral de Castrelo polas intrusións dos condes na mesma. Finalmente, no 1551 é desmembrada de Celanova e despois dun tempo baixo poder real pasa a depender do Condado.

 

O topónimo provén do latín castrum, castro, castelo con sufixo diminutivo –elum.

 


Campobecerros

Atópase mencionado nun documento de 1320 como Campo de Bezerros. Pertenceu á encomenda de San Marcos de León da Orde Militar de Santiago. No civil estivo adscrita á xurisdicción de Laza ata mediados do XIX en que pasa a depender de Castrelo. Tamén pertenceu ao arciprestádego de O Riós.

O topónimo composto de lugar (campos) e faina (becerros), se ben hai quen di que Becerros ven do antropónimo Becerrius)

 


Sanguñedo

Lugar con capela, pertencente á parroquia de Campo de Becerros. Era couto dependente da colexiata de Xunqueira de Ambía.

 

O topónimo provén do latín sanguine (sanguiño) máis o sufixo abondancial –edo. Nos documentos medievais aparecen moitos Sanguineto.

 


Portocamba

Anexo de Campobecerros, na documentación do século XV aparece como San Miguel de Porto a Camba.

 

Do latín portu, paso estreito entre montañas e de camba procedente da raíz céltica camb- (curva). Camba é o nome do río que percorre a zona e qe se menciona xa no ano 1095. Porto a Camba alude ao paso polo que se accede á Poboación de Camba

 

Por detrás de Fontefría
Porto Camba da sierra
agora vólvese vila
cunha liña e carretera.

 


Gondulfes

No ano 1132 atopámola mencionada como Sancta Crucem de Gondulfis, sendo doado este couto por Fernando I (1176) á Mitra de Ourense. Foi anexo dependente do mosteiro de Servoi. Aquí aparece residindo en decembro do 1491 o abade de Servoi don Diego Gayoso. No leigo era un couto non dependente de Monterrei en el tiveron casa os do apelido Mascareñas: don Juan Manuel Mascareñas, erudito investigador, escribiu nesta casa solarenga as primeiras noticias que tivemos do Misal de Monterrei e desde a mesma publicou duros ataques (1812) contra a invasión francesa a pesar do seu pasado volteriano. Un dos frades franciscanos de Monterrei di que naceu en Santa Elena da Cruz de Gondulfes co que cabe deducir que tamén estivo a parroquia baixo esta advocación. Hoxe é parroquia de primeira clase e de presentación ordinaria. Contra con tres cálices de Rañoi, orfebre ourensán do S. XIX.

 

O topónimo fai alusión a un posuidor xermánico procendente de Gund-, Gond- (loita) e Wulfs (lobos). Gondulfus e Gondulfo son nomes que se repiten nos documentos da Idade Media.

 


Marbán

Lugar pertencente á parroquia de Gondulfes. Existe un apelido nobiliario deste nome e no ano 950 recóllese o nome de Ioannis Marvariz. A forma Marwan e Marvan tamén aparece nalgúns documentos referentes ao Val datados no 1026

 

Topónimo alusivo a un posesor xermánico, latinizado como Marbanus.

 


Nocedo do Val

Aparece rexistrado como Nozedelo no ano 985 e como Nozedo no ano 1029. En documentos dos anos 1043, 1274, 1339 e 1347 dise Nocedo. Pasou esta vila a Celanova no 1043 por doazón dos irmáns Alonso, Munio, Guntroda, Guntina, Adaulfo e Adosinda Alva. No ano 1480 (23 veciños) aparece mencionado como Nocedo e Nocelo, pertencente a Sancho de Ulloa no nome da súa filla Francisca e Estúñiga e a Gonzalo Rodríguez de Soutelo. Era coñecida esta vila como a Xoia do Conde. En 1626 destaca o párroco Pedro Díaz de Murga. No ano 1870 o párroco Antonio Caldelas tiña unha biblioteca con máis de mil volumes ubicada na reitoral. Era cuarto de entrada e presentación do Conde de Monterrei e pagaba dezmos por arcedinado. As obras na nova igrexa de Nocedo comezadas no ano 1916 poden continuarse no seguinte (1917) grazas ao envío de 1.100 pesetas que lles fixo o exministro, pero aínda diputado, Luis Espada.

 

O topónimo procede do Latín nuce (noz) máis o sufixo abundacial –etum (-edo).

 


Pepín

Foi anexo de Servoi e formou parte do patrimonio do mosteiro. aparece mencionado no 1029 como Pepini e na no 1132 como San Vicenti de Pepín. notros documentos desígnase como Pepín. Hoxe é parroquia de provisión ordinaria.

 

O topónimo fai alusión a un posuidor romano de nome Pepinus. Como tantous outros nomes da xeografía galega e do norte de portugal rematados en -in ou -i, o topónimo conserva a derivación do xenitivo latino (que fai referencia á posesión).

 

 

 

Ribas
Lugar pertencente á parroquia de Pepín.

 

Topónimo procedente do latín ripa (Riparia > Ribeira), beira dun río ou dunha localización.

 


Piornedo
Esta parroquia atópase mencionada no ano 1029 como Piorneto e Piornedo pertencendo a Souto Vermui e x ano 1487 como Señorío de Piornedo, sendo un dos coutos dependentes de Servoi que o compartía coa colexiata de Xunqueira de Ambía. Era curato de entrada e presentación ordinaria.

 

O topónimo procedo do latín vibunu (piorno), e o sufixo abundancial –etum (-edo)

 


Monteveloso

Lugar pertencente á parroquia de Piornedo.

 

Topónimo composto de montis (monte) co cualificativo veloso que, nalgúns documentos (1793) e mapas antigos aparece con “v” en referencia a velado (oculto pola néboa). Outra denominación popular da zona é Monteboloso, que podería ter orixe na súa alusión a bolo (cun significado redundante de cabezo, elevación).

 


Servoi

Aparece mencionado xa na Idade Media como mosteiro de Servo Dei. A advocación a San Xoán posibelmente indique a pertenza a esta ore, aíndaque tamén se alude aos bieitos como posuidores do mesmo. No 1132, Afonso VII dóallo á Igrexa de ourense, denominándoo Monasteriolo. Cara o 1194 cítase como Servoei. A el pertencían diversas parroquias e lugares froito doutas tantas doazóns. O nome alude aos servos de Deus que habitaron o lugar.

 

A evolución do topónimo foi Servo Dei > Servo(d)ei>Servoei>Servoi

 


Fontefría

Lugar pertencente á parroquia de Servoi. Existe unha copla popular que di:

 

O lugar de Fontefría
ten catro salideiros
cría mozas coma rosas
e mozos como granadeiros.
Páxaro que vas voando
por riba desa auga fría
has de lle dar moitos recordos
ás mozas de Fontería.

 

O topónimo está composto por fontis (fonte), e o cualificativo relativo á temperatura fría.

 


Vilar

Este pobo aparece mencionado por primeira vez como Villar no ano 1029. No século XIII aparece como Vilar de Fontefría.

 

O topónimo fai alusión a unha vila (do latín villare) ou núcleo de poboación.

 


Veigadenostre

No relixioso, pertence á parroquia de San Lucas de Parada da Serra, pero no civil pertence á Castrelo do Val. Era couto da Colexiada de Xunqueira de Ambía.

 

O topónimo está composto por veiga (procedente do preindoeuropeo baika) e nostre (que pode vir do latín noster nostratim – facendo así referencia a un “lugar noso” – loci noster – segundo o vello costume en alusión á diferente pertenza relixiosa – a Gudiña – e territorial – Castrelo do val –)

 


Información extraída do libro “Crónicas Rexiomontanas” escrito polo historiador local Xerardo Dasairas, a quen lle agradecemos o interese pola comarca.

 

 

 

 

 

----- Concello de Castrelo do Val - Rúa do Toural, 15 - 32625 - Ourense. Teléfono 988 419 002 ----- Validado XHTML e CSS.